Medrei coas mans impregnadas de salitre, sempre entre libros e papeis, acompañada dun rotulador amarelo e unhas tesoiras, coas que agora debuxo.
Para min a ilustración é un territorio de observación, exploración, xogo e reflexión onde todo o que imaxino é posible. Unha maneira que teño para ordenar e asimilar o mundo, de darlle unha forma comprensible a pensamentos, relatos, emocións e sensacións. Sempre na procura da poética misteriosa do que non se ve, para transmitir máis alá das palabras.
Dende os meus estudos en Belas Artes, fun especializándome en ilustración, formándome tamén en animación e deseño gráfico. Desenvolvo proxectos tanto para o ámbito privado como para institucións públicas en diferentes campos —editorial, cartelería, publicidade, produto, animación, land-art…—, traballando maioritariamente con técnicas manuais. Nútreme colaborar con outras persoas creativas e, ademais, imparto obradoiros de ilustración e libros móbiles.
Fun finalista en certames como o “Concurso Valladolid Ilustrado 2018” e o “II Premio Internacional de Ilustración de Pontevedra 2018”; e, en 2021, premiada polo “Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra” para realizar o cartel da súa XXII edición. Ilustrei obras como Un verano mágico, de Lucía Vázquez Bonome, e Pedro, o piloto de gaivotas, de Manuel Darriba.
Estou moi ilusionada co nacemento de Pinga, un libro escrito por Andrea Freire que é o meu primeiro proxecto con Antela, pensado para acompañar ás crianzas máis pequenas.
Deja una respuesta