ACCESO A TODAS AS FOTOS DA GALA AQUÍ

Avigal anuncia a obra gañadora do II Certame Literario Jaime Olmedo Limeses

Avigal vén de anunciar a obra gañadora do II Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, unha iniciativa impulsada pola compañía co obxectivo de promover a creación literaria en lingua galega e fomentar o hábito lector entre o público infantil. Nesta segunda edición do certame, á que se presentaron 40 novelas infantís, o xurado escolleu como gañadora a obra “ALÉN E O DRAGÓN”, da autora OLAIA SENDÓN, destacando a súa calidade literaria, a orixinalidade da proposta e a súa capacidade para conectar cos lectores máis novos.

O certame consolídase como unha das principais apostas culturais de Avigal, enmarcada no seu compromiso coa educación, a lingua galega e o apoio a novos talentos literarios. A obra premiada será publicada por Antela Editorial e presentada ao público durante a semana das Letras Galegas, nun acto que servirá para celebrar a creatividade e a literatura infantil en galego.

Como parte desta iniciativa, Avigal agasallará 1.500 exemplares da novela gañadora, que serán distribuídos en centros educativos e culturais de Galicia, contribuíndo activamente á difusión da lectura en galego e achegando a literatura aos máis novos.

Unha novela que conquistou ao xurado polo seu dinamismo, personaxes ben traballadas e referencias á cultura popular.

Na obra, ambientada en Sardiruña, un lugar onde nunca deixa de chover, Alén comeza a ter soños estraños con dragóns e vellas misteriosas. Cando descobre que esas visións poden ser reais, emprende unha aventura xunto á intrépida Nora que os levará a Leiras Longas, a aldea da súa familia, onde nada é o que parece. Entre segredos, poderes ocultos e humor, Alén deberá descubrir quen é… e que destino o agarda.

A autora, Olaia Sendón (Ourense, 1978) é licenciada en Comunicación Audiovisual pola UAB e profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña. É tamén autora de documentais e pezas de videoarte presentes en diferentes concursos e festivais. En Xerais ten publicados os álbums ilustrados «A crebeira Marabillas» (2021) e «A fotógrafa Perpetua» (2023). «Nave» (2024), a súa primeira novela, quedou finalista do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Coa novela «A Casa Grande» (2025), foi finalista do XLII Premio Xerais de Novela.

O xurado destacou tamén a gran calidade do conxunto das obras presentadas, subliñando o bo momento creativo que vive a literatura infantil en galego e o interese crecente por iniciativas que apoien este xénero.

Cómpre lembrar que o certame conta tamén cunha modalidade de relato infantil, dirixida a nenos e nenas menores de 12 anos con ganas de crear e contar a súa propia historia en galego. Na categoría de relato infantil escolar, o gañador é Matías Vázquez Rodríguez, do colexio Santa Teresa de Jesús-Carmelitas (Ourense), coa obra “O alento do cantil”.

A entrega do galardón de 3.000 euros e a presentación oficial da publicación terán lugar o Día das Letras Galegas, nun acto que se celebrará no Museo de Pontevedra e que contará coa presenza de representantes de Avigal, de Antela Editorial e da autora da obra premiada.

Xurado do certame: De esquerda a dereita. Xabier Domínguez (Presidente Antela Editorial), Alba De Evan (secretaria), Matilde Rodríguez (Representante de Avigal), Víctor Rivas, Xavier Estévez, Alba Blanco, Ivana Gómez.

MÁIS INFORMACIÓN EN: https://www.certameliterariojaimeolmedo.com/

Bases en pdf para descargar: AQUÍ

II CERTAME LITERARIO JAIME OLMEDO LIMESES

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

MÁIS FOTOGRAFÍAS AQUÍ!

Bases en pdf para descargar: AQUÍ

XA TEMOS GAÑADOR!

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2025.

Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, promovido por Avigal en colaboración con Antela Editorial, xa ten gañador. Nesta primeira edición do premio, á que se presentaron 39 novelas infantís, o xurado escolleu a obra “Pernascochas”, do autor Ramón Domínguez Veiga, destacando a súa calidade e orixinalidade.

Dirixida a obra a un público infantil de entre 6 e 12 anos, o certame nace co obxectivo de fomentar a literatura infantil en galego e apoiar novos talentos. A obra gañadora será publicada por Antela Editorial e distribuída na semana das Letras Galegas. Ademais, Avigal agasallará 1.500 exemplares da novela, contribuíndo así á promoción da lectura en galego entre os máis novos.  

Unha novela que conquistou ao xurado

“Pernascochas” é unha obra que conta a historia de Marcelina, unha nena peculiar. Marcelina proponlle a Martiño tres retos para que este poida conseguir a súa amizade: un que a sorprenda, outro que a faga rir e outro que a faga chorar como nunca antes chorara. O xurado salientou calidade literaria, orixinalidade, sensibilidade e o uso do humor.

O autor, Ramón D. Veiga, traballa no eido da edición, labor que compaxina coa escrita de textos de literatura infantil e xuvenil. Son da súa autoría obras como «Violeta quere ser vampiro». «Un conto do Samaín», «É tempo de Entroido», «Gloria» ou a serie de banda deseñada «Miñoca».

O xurado destacou a altísima calidade de todos os orixinais propostos.

A entrega dos 3000 euros de galardón e a presentación da publicación, terá lugar na semana das letras galegas, nun evento que contará coa presenza de representantes de Avigal, Antela Editorial e o gañador do mesmo.

Xurado do certame: De esquerda a dereita. Alba De Evan (secretaria), Miguel García, María Lado, Celia Fernández, Blanca Millán, Ramiro J. Peralta.